Votacion: 
5 (2 votos)
Sociedad | Cultura 0

Falece a escritora Xohana Torres aos 85 anos

"A súa é unha das voces máis destacadas das letras galegas contemporáneas que medraron na posguerra", destaca a Real Academia Galicia

Xohana Torres, na toma de posesión como membro da Real Academia Galega. AEP

Xohana Torres, na toma de posesión como membro da Real Academia Galega. AEP

A escritora Xohana Torres faleceu este martes en Vigo aos 85 anos. A capela ardente da membro da Real Academia Galega (RAG) abrirá este mércores, ás 10 da mañá, no Tanatorio Vigo Memorial, onde será incinerada ás 21:30 horas.

"A súa é unha das voces máis destacadas das letras galegas contemporáneas que medraron na posguerra, cuxa obra abrangue a poesía, a narrativa, o ensaio e a literatura infantil. A autora contribuíu co seu labor como escritora, mais tamén noutros espazos como o radiofónico, á reconstrución cultural de Galicia e á defensa da súa lingua", destaca a RAG nun comunicado.

Xohana Torres naceu en Compostela o 22 de novembro de 1931 e criouse en Ferrol, onde estaba destinado como mariño o seu pai. A súa vocación literaria manifestouse cedo e publicou os seus primeiros versos sendo adolescente na revista do instituto. En 1955 recibiu o primeiro premio de poesía da Asociación da Prensa de Vigo, que compartiu con Celso Emilio Ferreiro, por A nosa primavera: toxos, e en 1957 publicou o seu primeiro libro, Do sulco (1957), na colección de poesía Illa Nova de Galaxia.

Como poeta, publicou tamén Estación ao mar (1980), Premio da Crítica española en 1981, Tempo de ría (1992) e Poesías reunidas (1957-2001), así como Elexía a Lola (2016). Como dramaturga, destacan as súas contribucións ao teatro da posguerra con A outra banda do Iberr (1965), gañadora do Premio Castelao do Teatro Galego da Agrupación Cultural O Galo, e mais Un hotel de primeira sobre o río (1968). Asinou tamén a novela Adiós, María (1971), Premio Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, e, xa no eido da literatura infantil, Polo mar van as sardiñas (1968) e Pericles e a balea (1984).

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.